A Aste Nagusia ou Semana Grande é a principal festa de Bilbao. Celébrase anualmente durante nove días a partir do sábado seguinte ao 15 de agosto, festividade da Asunción de María.
A súa orixe remóntase a finais do século XIX. Até a década de 1970 a maioría de actividades consistía en espectáculos de pago como ópera e tauromaquia, así como actos relixiosos de gran solemnidade. Especialmente a partir do final da ditadura de Francisco Franco, ás actividades anteriores engadíronse exhibicións de herri kirolak, danzas vascas, bertsolaritza e txistularis. A partir de 1978 implantouse o modelo festivo que se mantén no século XXI, baseado na participación popular, coas konpartsas como referentes.
Historia Orixe As orixes da Aste Nagusia sitúanse no século XIX. Bilbao, que entón vivía un intenso proceso de industrialización e crecemento, foi configurando unhas festas patronais ligadas á festividade da Virxe de Begoña. Nese contexto, a inauguración da praza de touros de Vista Alegre en 1882 consolidou definitivamente o mes de agosto como o centro do calendario festivo bilbaíno. Desde finais do século XIX a cidade celebraba entón un variado conxunto de actos que incluía música no paseo de El Arenal, feiras e atraccións, espectáculos populares, regatas na ría, actividades relixiosas e festexos taurinos que atraían público de toda a rexión. O termo «Semana Grande» comezou a utilizarse para designar un amplo programa estival que combinaba tradición e modernidade.
Durante as primeiras décadas do século XX a Aste Nagusia consolidouse como unha cita imprescindíbel na vida bilbaína. As rúas enchíanse de público con motivo de concertos, verbenas e atraccións, mentres que a ría acollía competicións deportivas e exhibicións náuticas. A festa reflectía tanto a vitalidade da cidade industrial como a súa capacidade para reunir xentes diversas arredor da cultura, a música e o lecer. O calendario festivo bilbaíno foi gañando prestixio e atraendo visitas doutras localidades.
Tras a Guerra Civil e durante o franquismo a Aste Nagusia mantivo a súa importancia na vida da cidade, aínda que cun carácter máis institucional e oficial. O programa seguía a ofrecer verbenas, concertos, espectáculos, actividades relixiosas e a contar cunha gran afluencia de público nas rúas, pero con menor marxe para a innovación ou a participación espontánea. Aínda así, foise consolidando a idea de que Bilbao, chegada a segunda quincena de agosto, debía centrarse na súa festa maior.
En 1973, baixo a organización e patrocinio de El Corte Inglés, tivo lugar a Semana do Deporte Rural Vasco, que ofreceu exhibicións gratuítas de herri kirolak. A gran acollida popular que tivo fixo que Quico Mochales, entón relacións públicas dos grandes almacéns, propuxese á alcaldesa franquista Pilar Careaga unha apertura das festas de agosto co fin de achegalas á cidadanía. Con todo, a idea de Mochales foi rexeitada pola alcaldesa.
En 1977 Zorion Eguileor, xornalista e locutor de radio, lanzou desde o seu programa a idea de realizar unha kalejira ou pasarrúas para iniciar unhas futuras festas máis populares e participativas. O éxito da convocatoria superou o propio Eguileor e ese día citáronse na rúa unhas 5000 persoas de todas as idades, entre elas dantzaris e txistularis.
Aproveitando este éxito presentouse de novo a proposta de Mochales ao alcalde en funcións, José Luis Berasategui. A proposta baseábase nun concurso de ideas titulado Hagamos populares las Fiestas de Bilbao. Finalmente foi aceptada, convocada polo Concello de Bilbao baixo o patrocinio de El Corte Inglés. O prólogo foi o seguinte:
As bases do concurso foron redactadas e aprobadas pola Comisión Municipal Permanente. Admitíronse propostas entre o 1 de abril e o 31 de maio de 1978. O premio, de 100 000 pesetas, sería pagado polos grandes almacéns. O obxectivo era buscar unha ampla participación cidadá coa presentación de ideas realizábeis. Malia as críticas á campaña, que chegou a ser tachada de mercadotecnia comercial, seguiu adiante e tivo bastante éxito.
O xurado encargado de valorar as ideas, por proposta de Mochales, estaba formado a partes iguais por membros do Concello e das asociacións veciñais que se atopaban en auxe: +Jaime CebriánTenente de alcalde do Concello de Bilbao e Presidente da Comisión de GobernaciónPresidenteDaniel Fernández CelaConcelleiro en representación da Comisión de CulturaVogalJosé María HaroSecretario da Delegación do Ministerio de Información e TurismoVogalÁngel DelclauxPresidente do Centro de Iniciativas TurísticasVogalAntonio AguilarVicepresidente da Asociación de Mercadotecnia e Publicidade de BizkaiaVogalCarmen Fernández de la CuadraAsociación de Veciños da Zona vellaVogalMaría Jesús LancianoAsociación de Veciños de IralaVogalMargari AbajoAsociación de Veciños de IturraldeVogalCarmen MorenoAsociación de Veciños de ZabalaVogal Rexistráronse un total de 37 proxectos. O 9 de xuño de 1978 o xurado seleccionou dous deles e foi necesario o voto de calidade do Presidente para resolver o empate. A repartición do premio quedou da seguinte forma:
Txomin Barullo. O proxecto presentado pola Comisión de Cultura e Arte da Organización en Biskaia do EMK levou o 75% do premio. Tximbo Zarra. O proxecto presentado por Luis Cardas levou o 25% restante.
Primeira edición de Aste Nagusia
A Primeira Comisión de Festas miniatura|Comisión de festas de 1978 Aínda que o proxecto era consultivo e non vinculante, desde o movemento popular buscouse e conseguiuse meter presión ao concello para que o proxecto presentado polo EMK se levase a cabo. En consecuencia, ante a necesidade de formar unha primeira Comisión de Festas aberta e popular, convocouse a unha asemblea nos locais da Biblioteca de Bidebarrieta o 28 de xuño a todos os organismos culturais, deportivos, partidos políticos e sindicatos, cunha numerosa asistencia. Esa mesma noite conformouse a Comisión de Festas que se constituíu o 2 de xullo, estaba formada por 17 membros:
Ángel Cámara María Jesús Lanciano Santiago Burutxaga Álvaro Gurrea Karmelo Landa Josepe Zuazo Itziar Villa Natxo de Felipe Antonio Caro Felipe Fernández José Manuel Martínez Marino Montero Eduardo Aretxalde Iñaki Bengoetxea Manu Fernández Josetxu Martínez Marga Vázquez
Na comisión resultante non había ningún concelleiro e mesmo o alcalde en funcións permaneceu ausente por vacacións durante a celebración das festas. Así, ficou toda a responsabilidade en mans da propia comisión, xurdida integramente do asociacionismo veciñal. Karmelo Landa, do colectivo cultural Txomin Barullo, foi designado portavoz da comisión, que se reunía nunha sala anexa ao salón árabe do Concello de Bilbao e xestionaba un orzamento de 8.438.000 pesetas. miniatura|Zona do Arenal Decidiuse centralizar os actos nun único espazo físico que sería o recinto festivo, onde a maioría das actividades serían gratuítas. Para este propósito escolleuse o Arenal e a Zona vella, onde hoxe se segue a organizar a maioría das actividades das comparsas.
Creación das konpartsas Co propósito de buscar un elemento dinamizador, fíxose un chamamento á poboación para crear comisións por barrios. As cuadrillas de amigos, asociacións ou sectores sociais fóronse organizando no que pasaron a ser as konpartsas. A estas pedíanselles uns mínimos, como podían ser o feito de contar cunha fanfarria e un mínimo de 50 persoas que compartisen traxes dunha mesma clase. Cada unha das comparsas levantaría a súa txosna (caseta) no recinto festivo, un espazo con barra aberta á rúa onde se servirían bebidas e comidas e onde se contaría con música. A principios de agosto non se esperaba que houbese máis de 8 konpartsas. Porén, chegáronse a formar até 24, co que se conformou un tecido social de máis de 1600 persoas.
Recuperación dos xigantes, cabezudos e Gargantúa Dentro da dinámica emprendida para recuperar símbolos de identidade vascos, a comisión de festas propúxose recuperar os xigantes, cuxa tradición nas festas remontábase ao século XVI, e o Gargantúa. Da última xeración de 8 xigantes realizada en 1962 non quedaba ningún, mentres que o Gargantúa estaba esnaquizado nun local do concello. Só se podía contar con 6 cabezudos escachados e sen roupaxe. Finalmente, o concello de Vitoria cedeu 3 parellas de xigantes e o seu Gargantúa de 1922 para as festas bilbaínas.
Creación de Marijaia Apenas unha semana antes do inicio das festas, a comisión encargou á artista Mari Puri Herrero a realización dun boneco que debía servir como símbolo de identidade tomando como base a dama de Anboto. Así naceu Marijaia, unha muller de 4 metros de altura, cos brazos alzados en actitude festiva e maternal, vestido rechamante e sorriso eterno, que aparecería por sorpresa no primeiro acto.
A celebración A tarde do 19 de agosto de 1978, en Begoña, María Jesús Aguirregoitia, da konpartsa Uribarri, disparou o txupin. Así comezou a primeira Aste Nagusia baixo o modelo festivo que se mantén na actualidade. O pobo bilbaíno entregouse nas súas primeiras festas populares e participativas, que desbordou mesmo as expectativas da propia organización. As festas finalizaron coa queima de Marijaia na ría e obtívose un superávit de 360 000 pesetas. Por proposta da Comisión, investiríanse na recuperación dos xigantes e do Gargantúa.
Evolución de Aste Nagusia En 1979 púidose contar co Gargantúa reconstruído grazas a Cómicos de la Legua, cun custo final de 400.000 pesetas que asumiu a Caja de Ahorros de Vizcaya. Os xigantes, con todo, seguiron a ser os de Vitoria, e non se recuperarían até o entroido do ano seguinte.
En 1980 o concello, co alcalde Jon Castañares (PNV) á cabeza, apartou os colectivos cidadáns da organización das festas. O conflito derivou en dúas comisións distintas: por unha banda, a Comisión de Festas Municipal, formada polos concelleiros do PNV; e por outra banda, a Comisión de Festas Popular, formada por Bilboko Konpartsak (a coordinadora de konpartsas) e outros colectivos cidadáns. Debido a este conflito, en 1980 celebráronse as chamadas Bilboko Jaiak (Festas de Bilbao), en que non houbo Marijaia, panos, txupinera, konpartsas nin participación popular.
En consecuencia, en 1981 creouse a Comisión Mixta Paritaria de Festas, onde están representados todos os concelleiros de todas as formacións políticas e, de forma paritaria, representantes de Bilboko Konpartsak. Este sistema, co voto de favor para o presidente, é o que se mantén na actualidade. aínda que nos últimos anos sumóuselle un representante da Asociación de Comerciantes da Zona Vella e outro da asociación de persoas discapacitadas.
En 1981 tivo lugar o I Certame Pirotécnico Villa de Bilbao e, por petición de Bilboko Konpartsak, os fogos comezaron a lanzarse todas as noites das festas.
O 2 de xullo de 2009 a Aste Nagusia foi elixida un dos Tesouros do Patrimonio Cultural Inmaterial de España, co primeiro posto na clasificación por número de votos.
Konpartsas As konpartsas son o centro da Aste Nagusia de Bilbao. Xurdiron co modelo festivo de 1978 desde as asociacións veciñais, organizacións políticas e, en xeral, do tecido asociativo bilbaíno. Son características as <i>txosnas</i> que montan anualmente durante Aste Nagusia no Arenal. Dende elas dinamizan as festas con comida, bebida, música e outras actividades.
Con todo, as konpartsas organizan actividades durante todo o ano, entre outras, Aratusteak, a feira de Santo Tomás, Bilbo Kantari ou a noite de San Xoán.
Pregón A pregoeira ou pregoeiro é a persoa encargada de ler o pregón anunciador das festas, animando a acudir a elas.
En 1978, 1979 e 1982 os pregóns, bilingües, realizounos Bilboko Konpartsak, elixindo por sorteo dúas konpartsas para que cada unha o lese nun idioma. En 1980 o alcalde Jon Castañares redactou e leu o pregón. O resto dos anos a comisión mixta konpartsas-Concello elixe unha persoa coñecida en Bilbao para que lea o pregón de Aste Nagusia.