A rexión de Qikiqtaaluk (en silabario inuktitut: ᕿᑭᖅᑖᓗᒃ, pronuncia en inuktitut: qikiqtaːˈluk), tamén coñecida como rexión de Qikiqtani ou rexión de Baffin é a rexión administrativa máis oriental, máis ao norte e máis ao sur de Nunavut, no Canadá. Qikiqtaaluk é o nome tradicional en inuktitut da illa de Baffin.IHT’s Nunavut Map Series Aínda que a rexión de Qikiqtaaluk é o nome máis usado en contextos oficiais, varias organizacións públicas notables, incluíndo Statistics Canada antes do censo canadense de 2021, usaban o termo máis antigo de rexión de Baffin.

Xeografía A rexión está formada pola illa de Baffin, as illas Belcher, a illa Akimiski, a illa Mansel, a illa do Príncipe Carlos, a illa Bylot, a illa Devon, a illa Baillie-Hamilton, a illa Cornwallis, a illa Bathurst, a illa de Amund Ringnes, a illa Ellef Ringnes, a illa Axel Heiberg, a illa Ellesmere, a península de Melville, a parte oriental da illa Melville e algunhas partes do norte da illa do Príncipe de Gales e da illa Somerset, ademais doutras pequenas illas no medio delas. O centro rexional, e capital territorial, é Iqaluit (7 429 habitantes en 2021).

Antes de 1999, a rexión de Qikiqtaaluk existía baixo límites lixeiramente diferentes nos Territorios do Noroeste como a rexión de Baffin, na parte norte do distrito de Keewatin.

A metade occidental da próxima illa Hans forma parte de Qikiqtaaluk, mentres que a metade oriental forma parte de Groenlandia e está no concello de Avannaata.

Demografía Cunha poboación de 19 355 habitantes en 2021 e unha superficie de 989 879,35 km², algo máis pequena que Exipto, é a máis grande e máis poboada das tres rexións de Nunavut. Tamén é a división administrativa de segundo nivel máis grande do mundo.

Localidades Todas as trece localidades de Qikiqtaaluk están situadas na costa e pouco menos da metade dos seus residentes viven na capital e única cidade de Nunavut, Iqaluit. O resto da poboación vive nas seguintes localidades:

Arctic Bay Kinngait Clyde River Grise Fiord Sanirajak Igloolik Kimmirut Pangnirtung Pond Inlet Qikiqtarjuaq Resolute Sanikiluaq

Alert e Eureka forman parte das áreas non organizadas de Qikiqtaaluk, sen habitantes.

Antigamente, había unha comunidade mineira en Nanisivik. Non obstante, a mina de Nanisivik pechou en 2002 polo que a vila ficou deshabitada. Co aeroporto de Nanisivik pechado en 2010, todos os voos foron transferidos ao aeroporto de Arctic Bay.

Notas

Categoría:Rexións de Nunavut